26/01/26

UNLLAS DE CORES POLA PAZ

 Bo día Ratiñ@s! 

Como xa sabedes, estes días estamos a traballar o tema dos deportes no cole. Por desgraza, hai pouco púxenme moi triste ao ver as noticias: un xogador de fútbol dun equipo galego recibiu insultos no campo por levar as unllas pintadas. Isto afectoume moito, e máis coincidindo con estas datas nas que celebramos o Día da Paz.

Por iso, propónxenlles aos nenos e nenas do cole a lectura do conto "Vivan as unllas de cores". O obxectivo era reflexionar xuntos sobre como pintarse as unllas é algo que pode facer calquera persoa: non ten xénero e, moito menos, pode ser motivo de discriminación.

Ademais, para facelo aínda máis divertido, convidei a todo o mundo a pasar polo meu salón de manicura particular para pintarnos as unllas no cole. Que guapos e guapas quedamos todos e todas!

O tema deu para moito! E co alumnado de cuarto de primaria fixemos un obradoiro de xornalismo: puxémonos na pel de auténticos reporteiros e reporteiras para documentar o sucedido no cole en forma de noticia. Fixérono xenial!

Isto pode parecer un asunto baladí, pero como ben nos lembran os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030: debemos loitar por un mundo mellor e ceibe de discriminacións!







E QUE VIVAN AS UNLLAS DE CORES!