Ola, Ratiños!
Hoxe tivemos unha visita moi especial nosa Biblio. No marco do noso proxecto "A Ratiña Conchita fai deporte" e dende a fundación Mª José Jove viñeron falarnos sobre o deporte de vela e máis concretamente sobre a vela inclusiva. Faláronos de como adaptan este deporte a diversidade das persoas para que todos teñan a oportunidade de practicalo.
Contamos coa presenza de monitores especializados que nos achegaron á realidade deste deporte adaptado. Pero, sen dúbida, a gran protagonista do día foi unha deportista cega que veu compartir a súa experiencia connosco.
A súa testemuña deixoume (e deixounos a todos) sen palabras. Explicounos como, a través do tacto, do oído e dunha sensibilidade especial para sentir o vento e as ondas, é capaz de gobernar unha embarcación igual que calquera outra persoa demostrando que a vela non entende de límites: Coas adaptacións necesarias e o apoio técnico axeitado, o mar é de todos.
Quero agradecer de corazón tanto aos monitores como a esta incrible deportista por facernos un oco na súa axenda. Grazas tamén a nosa profe Irene por artellar esta visita e por ensinarnos que o deporte inclusivo non é só unha opción, senón unha realidade necesaria para construír unha sociedade máis xusta.
Podedes consultar máis información sobre isto na páxina da fundación premendo no seguinte enlace: Fundación María José Jove.
Moitas grazas! O vento sopra hoxe con máis forza que nunca a favor da inclusión
