25/11/25

25N DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

 Bo día, Ratiñ@s de lectura! 

Cada 25 de novembro detémonos a pensar, sentir e soñar xuntos por un mundo sen violencia de xénero, un mundo onde tod@s poidamos vivir en igualdade e con liberdade. E este ano… fixémolo dunha maneira máxica!

Comezamos lendo un conto que me encanta: Daniela Pirata. Que historia tan valente! Daniela demóstranos que non hai barreiras cando temos forza, ilusión e dereito a ser quen queremos ser. Mentres vos escoitaba ler, eu movía as miñas bigotiñas emocionada, porque Daniela ensínanos que ninguén pode dicirnos que non servimos para algo polo feito de ser nenas ou nenos. Todas as persoas podemos conquistar o noso propio mar!

Despois, fixemos unha actividade que me deixou o corazón pequeniño pero cheo de luz: escribimos nunha botella os nosos soños. Botellas de vidro transparente, coma se fosen pequenas cápsulas do tempo, gardaron mensaxes preciosas: desexos de paz, de igualdade, de respecto, de amizade sen medos nin violencias. Eu tamén escribín o meu soño (en letra pequeniña, que xa sabedes que as ratiñas non temos as mans moi grandes): “Quero un mundo onde ninguén teña medo e onde todas as persoas poidan ser felices e libres.”


Grazas por compartir comigo esta experiencia tan bonita. Entre todas e todos, coma fixo Daniela, podemos facer que o noso barco avance cara un futuro onde a igualdade non sexa un soño senón unha realidade.

Con moito agarimo e un chisquiño de queixo,

A Ratiña Conchita